Ábrese o prazo para que ata 15 empresas accedan ao programa de internacionalización Galicia Avanza
mércores, 8 de xullo do 2026
A Consellería de Economía (a través do IGAPE) e a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) veñen de abrir o prazo da quinta convocatoria de Galicia Avanza, programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas iniciado en 2022. Poderán acceder ao mesmo un total de 15 pequenas e medianas empresas consolidadas ou startups. As solicitudes deberán presentarse ata o 25 de xullo a través da páxina web de Galicia Avanza.
O obxectivo desta iniciativa, xestionada e coordinada por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo. Á hora de seleccionar ás pemes, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal e o nivel de implicación das empresas beneficiarias na metodoloxía do programa.
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, a protección das marcas e deseños industriais ou intelectuais, así como a estratexia de acceso ao mercado. Traballarase tamén na detección de colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na captación de financiamento externo, entre outros aspectos. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentoring, asesoramento e formación comercial e técnica.
Durante os dous primeiros meses, titores expertos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades identificadas, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento do mesmo. De xeito paralelo, as firmas beneficiarias poderán acceder a unha carteira de consultores expertos en diferentes materias e recibirán formación en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.
Nas catro edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 111 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.
