Académicos e profesionais debaten en Pontevedra sobre como construír un videoxogo

xoves, 5 de outubro do 2023 S. P.

Os métodos e ferramentas dos que podemos botar man para construír un videoxogo, poñendo o foco en como argallar unhas boas narrativa e estética, en sintonía e equilibrio, centran estes días un seminario no Campus de Pontevedra (xoves e venres), na Facultade de Comunicación, coa participación dunha trintena de expertos e profesionais da industria.
Organizado polo grupo de investigación V-NPC (Videoxogos, Narrativa, Persuasión e Comunicación) e a asociación de investigadores Digra Spain, coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e a editorial Icono14, o seminario Deseño da narrativa nos videoxogos a través das mecánicas e a estética desenvólvese nun formato híbrido, combinando as intervencións presenciais e virtuais, e co obxectivo “de buscar unha conexión entre academia e industria”, como sinalou a responsábel do comité organizador, a profesora Beatriz Legerén. A profesora explicou que “a idea deste seminario é falar daquelas cuestións que normalmente non se tratan á hora de falar de narrativa e videoxogo”. Ese sería o caso de aspectos fundamentais como por exemplo a parte estética, na que se inclúe tanto a parte gráfica como a sonora, e tamén as partes mecánicas, “xa que un xogo ten que ter uns obxectivos, unha economía e unhas condicións de vitoria”, explicou a tamén coordinadora do grupo V-NPC na inauguración.
O seminario arrancou este xoves cunha xornada adicada á estética dos videoxogos, que abriu unha conferencia da “figura de referencia nos estudos de videoxogos en España”, o investigador da Universitat Pompeu Fabra, Antón Planells, quen afondou nas “narrativas hexemónicas e marxinais” neste tipo de producións e reflexionou respecto da existencia de “argumentos universais”. Tamén este xoves, o foro acolleu unha mesa de debate sobre a creación de personaxes, escenarios e interfaces gráficas e outra sobre o uso de sons, música e locución.
Este venres 6 de outubro o seminario porá o foco nas mecánicas, cunha mesa de debate na que participarán, entre outros, o deseñador gamer de Tequila Works Michael Santorum e outra sobre como os elementos narrativos son percibidos polas persoas xogadoras, para pecharse coa posta en común dos resultados obtidos polos grupos de traballo.

PUBLICIDADE