Accesible un estudo sobre as vantaxes e atrancos dos sistemas multilingües con galego e español

luns, 10 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo nos conta Ignacio Agulló dende a súa web, xa está publicado na Rede, accesible para toda a comunidade internauta, o estudo Sistemas informáticos multilingües con galego e español, traballo que leva xa tres meses circulando por un bo número de organizacións informáticas galegas. Máis en detalle, e segundo engade seu autor, trataríase do primeiro estudo dedicado a sistemas informáticos bilingües galego-español que amosa polo miúdo cómo se poden habilitar e equipar computadores que traballen tanto en galego como en español, e mesmo cada día cunha lingua distinta. A idea na que se apoia esta investigación, comenta Ignacio, é a de poder cambiar de idioma nun minuto, e que sexa o propio usuario quen o faga, con independencia do seu coñecemento informático e esixíndose a mínima intervención pola súa parte. En consecuencia, o informe inclúe un repaso polas achegas distintas de sistemas bilingües que existen, con cadanseus pros e contras.
Trátase de un estudo orientado ás contornas laborais, onde se precisan computadores novos cada dous por tres para usuarios que teñen diferentes preferencias lingüísticas; pero tamén pode ser de utilidade para os usuarios particulares que queiran coñecer as posibilidades que hai de usar no seu computador programas ceibes ou programas en galego”, engade o responsable do informe.

PUBLICIDADE