Accesorio para xogar aos birlos na Wii

venres, 19 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A consola doméstica de Nintendo ten boa parte da súa forza nos seus controladores de xogo básicos (o Wiimote e o Nunchuk) pero moitos fabricantes, en vez de desenvolver periféricos novos, decidiron crear adaptadores que convertan estes mandos en raquetas de tenis, volantes ou pistolas, pero dende CTA Digital non teñen pudor, e levan esta experiencia moito máis aló cunha bola de birlos para a Wii.
Este realista accesorio permite converter o Wiimote nun controlador perfecto para os xogos de birlos, incluíndo os 3 buratos para meter os dedos para suxeitar a bola e incluso cunha correa para evitar que lancemos a bola contra o televisor.
En España pode sorprender que cheguen a comercializar un adaptador deste tipo, pero en boa medida responde á esaxerada cantidade de xogos de birlos que hai nos EE.UU. coma Brunswick Pro Bowling, Ten Pin Alley 2, AMF Bowling: World Lanes, AMF Bowling: Pinbusters e mesmo títulos con minixogos coma Game Party 2 ou o xa clásico Wii Sports.
Se este produto resulta rechamante, non o son menos as luvas que vende o mesmo fabricante, e que servirían para dar máis realismo a xogos de loita coma Punch-Out, Victorious Boxers: Revolution, FaceBreaker: K.O. Party, Ready 2 Rumble: Revolution ou o propio xogo de boxeo de Wii Sports. Neste caso, as luvas non só servirán para suxeitar o Wiimote, senón que tamén acollen ao Nunchuk, facendo máis realista a sensación de loita a dúas mans.

PUBLICIDADE