Aceleración de negocios, móbiles e videoxogos centrarán esta semana o programa Banda Ancha da Radio Galega

venres, 22 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Juan Gestal adianta na Radio Galega detalles sobre o relatorio que impartirá a semana que vén

O programa Banda Ancha da Radio Galega, galardoado recentemente cun Premio INNOVA-G, continúa co seu labor de difusión da tecnoloxía en Galicia, polo que este sábado a partires das 15:00 horas realizará un repaso da actualidade da semana, grazas á colaboración de Código Cero, aproveitando a ocasión para achegarnos o resultado do Concurso motiON organizado pola aceleradora Zarpamos da man do máximo responsable do proxecto, Manuel García, quen tamén explicará en que consiste unha aceleradora de negocios.

Sevi Martínez conduce esta semana o programa de tecnoloxía da Radio Galega

O programa que esta semana está conducido excepcionalmente por Sevi Martínez, completarase coa presenza de Juan Gestal, do blog PixFans.com e desenvolvedor de aplicacións móbiles en Movendo, que quixo pasar ante os micrófonos da Radio Galega para adiantar algúns detalles sobre a conferencia sobre videoxogos e móbiles que o vindeiro xoves ás 12:00 horas impartirá xunto aos fundadores de Tesla Technologies na Escola Técnica Superior de Enxeñaría en Santiago de Compostela.