Acer presenta un novo tablet de 7 polgadas con boas prestacións e prezo axustado
luns, 7 de xaneiro do 2013
A chegada do Nexus 7 de Google supuxo unha revolución para
os tablets ao colocar no mercado un dispositivo de altas prestacións a un prezo
asumible, e moitos fabricantes están intentando seguir nesa liña para chegar
cada vez a un público máis amplo, chegando así o Acer
Iconia B1-A71, que cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x
600 píxeles, procesador Mediatek de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM e 8
Gb de almacenamento interno busca converterse nun grande tablet de entrada cun prezo que agárdase que
sexa inferior aos 150 dólares.
O Acer Iconia B1-A71 tamén resulta moi interesante como segundo tablet, de xeito que o seu prezo axustado permitiría que
puidesen empregalo os pequenos da casa sen temer constantemente pola súa
integridade. Aparte das características comentadas, este novo tablet tamén
conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, GPS, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb,
cámara frontal de 0,3 Mpíxeles, micro USB, altofalante interno, toma de
auriculares, batería de 2.710 mAh, unhas dimensións de 197,4 x 128,5 x 11,3
milímetros e un peso de 320 gramos. Un produto que parece ser máis que
suficiente para acceder á web, reproducir contidos multimedia e mesmo ler
libros electrónicos, estando aberto ao completo catálogo de xogos e aplicacións
dispoñibles para Android 4.1 e marcando a pauta do que podería ser unha futura
renovación do tablet de Google (pois hai rumores que indican que buscan
popularizar aínda máis o seu prezo).