Acer presenta un todo-en-un con Chrome orientado á videoconferencia

venres, 1 de abril do 2016 Marcus Fernández

Google leva tempo promovendo o uso de Chrome OS a través de equipos que veñen con tal sistema operativo baseado en tecnoloxías web preinstalado, e tras portátiles e mini-ordenadores, chegou incluso aos todo-en-un, dos que presenta agora unha variante, o Acer Chromebase for meetings, ou sexa, un todo-en-un dirixido a xuntanzas, xa que estariamos ante un equipo ideal para a realización de videoconferencias en pequenos espazos, que emprega as posibilidades de Chrome e a tecnoloxía WebRTC para facilitar a transmisión de audio e vídeo, así como a compartición de pantalla, facendo moi doada a interacción en liña.
Este novo Chromebase contaría cunha pantalla táctil de 24 polgadas, unha cámara de alta definición axustable, 4 micrófonos e 2 altofalantes estéreo, que funcionaría cun procesador Intel Celeron de dobre núcleo e 4 GB de RAM, que estaría equipado con Wi-Fi AC, Gigabit Ethernet, Bluetooth 4.0, HDMI, 3 portos USB 3.0 1 porto USB 2.0 e un lector de tarxetas SD, polo que resultaría moi completo como unha solución para presentacións libre de complicacións, que como principal defecto tería o seu prezo, que parte de 799 dólares, que parece moi elevado para un equipo básico, pero que para moitas empresas pode resulta económico por facilitar conversas en liña de até 25 participantes sen complicacións de administración, polo que o custo do equipo pode xustificarse polo reducido mantemento que precisa.
Google ten toda unha serie de solucións for meetings, que para até 2 persoas propón o uso deste Chromebase, mentres que para salas con até 8 persoas propón o uso dun Chromebox completado cunha cámara Full HD e un altofalante-micrófono omni-direccional, podendo adaptarse esta última opción para salas con até 20 persoas empregando 2 altofalantes-micrófono e unha cámara xiratoria.

PUBLICIDADE