Activa Industria 4.0 impulsará a transformación de 30 PEME galegas

venres, 16 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

A Industria 4.0, é dicir, a transformación do noso modelo produtivo cara a modelos intelixentes, sustentábeis, eficientes, competitivos e automatizados, vén de recibir na nosa terra un novo impulso a dúas bandas: autonómica e estatal. Estamos a falar do programa Activa Industria 4.0, que apoiará a evolución dixital da actividade de 30 PEME galegas. Contarán, para este despegue cara ao futuro, co apoio da Consellería de Economía (a través do IGAPE) e da Fundación Escola da Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio e Industria. O programa Activa insírese no proxecto Industria Conectada 4.0.
A convocatoria, co-financiada polo IGAPE e a Fundación EOI cun total de 208.050 euros, será de concorrencia competitiva e o prazo para presentar as solicitudes ficará aberto até o vindeiro 16 de setembro.
Segundo informou o IGAPE, as empresas que resulten beneficiarias desta liña de axudas recibirán “asesoramento especializado e individualizado que incluirá un diagnóstico da situación de partida da compañía e a elaboración dun plan de transformación dixital, así como visitas ás instalacións beneficiarias e a participación en obradoiros temáticos e demostrativos”.
O programa do que estamos a falar é a segunda edición de Activa Industria 4.0, unha iniciativa que na pasada convocatoria apoiou unha ducia de firmas da nosa terra. O IGAPE engade que esta liña complementa as accións do programa HADA, unha ferramenta de análise e diagnose para coñecer o grao de madurez dixital das empresas, que serve para orientar as actuacións vindeiras.

PUBLICIDADE