Activada a exposición interactiva #DoMaredaTerra da Deputación da Coruña

luns, 14 de outubro do 2024 S. P.

A deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, presentou o proxecto Do mar e da terra na sede da Deputación da Coruña. O obxectivo, segundo sinalou Capelán no acto, é poñer en valor os sectores pesqueiros e rurais tradicionais e os seus recursos, como “forma de combater o despoboamento e favorecer a igualdade de oportunidades no territorio”.
#DoMaredaTerra destaca o exemplo de produtores da provincia da Coruña que demostraron o éxito dos seus proxectos, algúns deles dando o paso para transformar tamén o seu produto de calidade ou establecer sinerxías con outros emprendedores. #DoMaredaTerra salienta tamén factores chave como a importancia crecente dos criterios de sustentabilidade neste camiño de emprendemento ou o decisivo protagonismo da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural.
“A importancia dos nosos sectores produtivos primarios como vertebradores e fortalecedores do noso tecido social e económico queda reflectido nesta iniciativa #DoMaredaTerra”, afirmou Cristina Capelán.
Ademais dunha mostra con diversos paneis expositivos que percorrerán varios concellos coruñeses nos vindeiros meses, #DoMaredaTerra conta tamén con material didáctico interactivo adicional, libremente dispoñíbel na Rede para o seu uso nas escolas. Trátase de material completamente interactivo, accesíbel a través de computador, tabletas, smartphones ou encerados electrónicos.
Estes contidos educativos foron deseñados para realizar unha sesión didáctica completa nas aulas de Primaria e Secundaria. De xeito específico, as propostas contribúen a afianzar o espírito emprendedor, fomentando a creatividade e a iniciativa, ao tempo que promoven valores relacionados coa educación para o consumo responsábel, o desenvolvemento sustentábel e a igualdade entre mulleres e homes.