Activistas TIC da nosa terra xuntan forzas en Lobeira a prol dos refuxiados

xoves, 9 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Os hackers e os profesionais independentes das TIC tamén poden axudar, e moito, aos refuxiados de calquera índole e condición. Con este alicerce celebrouse estes días na nosa terra, no espazo alternativo de coworking Sende (Lobeira, Ourense), o primeiro Hackathon For Refugees, organizado por Sende en colaboración con Impact Hub Vigo e Espazo Arroelo. O obxectivo: achegar ideas de impacto e convertelas en realidades para dar resposta ás necesidades dos refuxiados e das organizacións que os axudan. O encontro desenvolveuse en dúas xeiras de traballo. A primeira xornada foi unha toma de contacto para que os participantes se coñecesen e puxeran en común as súas expectativas sobre os resultados do Hackaton.
Na primeira xeira seleccionáronse tres ideas para transformalas en proxectos. Logo, na segunda xornada, déronselles a estes proxectos forma e alicerces firmes. Trátase, en detalle, dunha iniciativa para conectar a persoas refuxiadas con voluntarios a través dunha plataforma tipo chat (Game for change), un desenvolvemento tecnolóxico con xeolocalización para facer seguimento de buques con persoas desprazadas mediante dispositivos móbiles (Refu.gal, que inclúe sitio web con bases de datos e GPS) e unha iniciativa, Red Alert Refugees, para axudar a esta rede galega de voluntarios no artellado de datos e na elaboración dun protocolo de coordinación de traballos, “co fin de que as boas prácticas poidan ser replicábeis en distintas localidades”. Esta última iniciativa implica a posta en marcha dunha campaña de recadación colectiva de apoios nas redes (crowdfunding).
Na cita participaron arredor de quince emprendedores a activistas. A iniciativa sumouse ao movemento Techfugees, que tivo réplicas en Berlín, Nova York, Helsinqui, Turín, París, Londres, Sydney ou Tel Aviv.
Segundo fan saber dende Sende, “ademais dos resultados presentados como proxectos, o #hackathon serviu tanto de punto de encontro para debater e intercambiar información e experiencias sobre os problemas que afectan as persoas refuxiadas, como para constituír un grupo de traballo para continuar na procura destas solucións".

PUBLICIDADE