Adamo achega a 5G aos seus clientes de telefonía móbil na contorna rural

mércores, 30 de xullo do 2025 S. P.

A operadora de telecomunicacións Adamo, moi presente no rural dos concellos de Lugo (en máis de medio cento deles, de feito), vén de integrar a 5G no conxunto da súa rede coa vantaxe de non implicar un aumento de prezo para o usuario. Trátase, en palabras da operadora, “dun movemento que supón un paso de xigante para situarse na vangarda das telecomunicacións”, ao achegar aos seus clientes todas as posibilidades que permite a quinta xeración de tecnoloxía de redes móbiles. “Iso cobra especial relevancia nas poboacións rurais, as cales conforman maioritariamente a carteira de usuarios da empresa”, engade a empresa.
Tamén en cidades pequenas e en vilas grandes
Aínda que é certo que esta cobertura destaca especialmente nas capitais e nas urbes de maior tamaño, Adamo sobe agora un banzo na universalización da 5G. Deste xeito, o 100% dos municipios de entre 10.000 e 25.000 habitantes con presenza da empresa xa conta con esta tecnoloxía. Ademais, Adamo tamén estende a 5G a varios centenares de núcleos cuxo número de veciños queda por baixo dos 5.000.
Vantaxes da 5G
Adamo lembra que esta nova cobertura xa vai incluída na tarifa dos usuarios que conten cunha móbil 5G, “os cales gozan dunha maior velocidade de transferencia de datos e de navegación ao estar conectados a unha rede menos saturada; rexistran unha latencia máis baixa, con tempos de resposta máis curtos e con inmediatez no consumo de contidos (en grao sumo efectivo para xogar en liña); teñen unha conectividade máis estable; contan coa opción de poder conectar unha gran cantidade de dispositivos ao mesmo tempo; e gañan en eficiencia enerxética respecto ás xeracións anteriores de redes móbiles, o que se traduce nunha maior duración das baterías”, sinalan dende a operadora.