Adamo lanza fibra óptica e móbil por 29 euros ao mes

xoves, 24 de abril do 2025 S. P.

Desde o pasado 16 de abril, a operadora Adamo, con destacada presenza no rural galego (sobre todo na provincia de Lugo, onde ofrece fibra óptica no 80 % dos concellos) engade á súa estrutura de produto un novo paquete, mantendo o pack máis orientado ás familias. O paquete inclúe fibra de 400 Mbps e móbil con 17 GB por 29 euros.
Con esta novidade (tarifa Caaalma), sinala a empresa, “quixemos atender as dúas grandes demandas do mercado, o prezo e a cobertura Wi-Fi”, ao mesmo tempo que achega “un prezo económico e unha tranquilidade no pago”. Porén, sinala a operadora, “se o usuario quere enriquecer o pack, pode optar por aumentar a velocidade a 1 Gbps para o fogar ou contar con 50 GB para o móbil por 5 euros en cada caso”.
En cambio, para aquelas persoas que queren “a máxima velocidade, coa mellor cobertura e unha experiencia móbil ilimitada”, Adamo proporciónalles a tarifa Caaalma Total, pensada de xeito especial para as familias e que consta de fibra óptica de 1 Gbps e datos sen límite por 39 euros. Neste caso tamén é posible agregar liñas adicionais por 6 euros ao mes e fixo con chamadas ilimitadas por 6 euros.
Ademais, esta tarifa inclúe un router Wi-Fi 6 para que o sinal chegue a cada recuncho da vivenda.
Así mesmo, o cliente pode engadir a cada pack liñas adicionais por seis euros neste amplo abano de posibilidades: 15 GB (por 6 euros), 30 GB (por 8 euros), 50 GB (por 10 euros) ou con datos móbiles sen límite (por 12 euros).
Finalmente, Adamo lembra que o usuario pode optar por sumar Adamo TV ás tarifas Caaalma. Ademais da retransmisión dos enfrontamentos correspondentes á Segunda División, Adamo TV Premium ofrece películas, series, música, documentais e deportes. Tamén cadeas rexionais, temáticas, internacionais e películas. En total, máis de 160 canles por 6 euros ao mes e coa posibilidade de conectar ata tres dispositivos de forma simultánea. Pola súa banda, Adamo TV Basic pasa as 140 canles por 3 euros, mentres que Adamo TV Total supera os 175 (tamén coa liga Hypermotion) a un prezo de 12 euros.