Adamo lanza unha oferta e un servizo de atención telefónica para persoas de 65 anos ou máis

mércores, 24 de xullo do 2024 S. P.

A operadora Adamo lanzou unha novidade este mes de xullo que, segundo indica, está feita a medida das preto de dez millóns de persoas que teñen hoxe 65 anos ou máis en España, o que supón unha quinta parte da poboación. Segundo indica a empresa, “este grupo demográfico presenta, en xeral, certos problemas na súa relación coa tecnoloxía”. Considerando esta perspectiva, Adamo pon no mercado unha oferta e un servizo de atención telefónica exclusivos para esta poboación sénior que inclúe paquetes de fibra, fixo e móbil a 26 euros.
En concreto, Adamo ofrécelles fibra óptica de 200 Mbps no fogar e 12 GB para o móbil a un prezo definitivo de 26 euros. Este pack inclúe fixo, “a diferenza do que adoitan demandar os clientes noutros segmentos, xa que as persoas que teñen ou superan a tradicional idade de xubilación están máis afeitas a estas liñas”, indican dende Adamo, engadindo que “deste xeito a oferta agrega chamadas ilimitadas a outros fixos e un bono de 400 minutos a móbiles”. Ademais, Adamo permite conservar o número de teléfono (tanto móbil como fixo) a aqueles usuarios que contraten coa empresa.
Así mesmo, ao obxecto de complementar ese produto, Adamo tamén trata de adaptarse ás necesidades e ás demandas particulares dos maiores de 64 anos coa posta en funcionamento dun servizo de atención telefónica para eles no 900 651 665. Nese número poden ser atendidos por operadores especificamente formados para resolver as dúbidas ou as dificultades que expoñan as persoas encadradas no citado grupo de poboación.