Adamo levará a súa fibra óptica a preto de 700 vivendas de Riotorto
venres, 23 de setembro do 2022
Este xoves ás 19:00 o salón de actos do Centro Sociocultural de Riotorto acolleu unha charla informativa da compañía Adamo para informar aos veciños de que preto de 700 vivendas da vila contarán con Internet de alta velocidade grazas ao despregamento realizado pola empresa que hoxe xa proporciona fibra óptica a medio cento de fogares no concello e que completará o proceso de maneira progresiva.
Ao encontro asistiu o alcalde da vila, Clemente Iglesias, quen destacou o rol activo que está a adoptar o Concello de Riotorto, coa concesión e xestión dos permisos relativos ás infraestruturas, e facendo gala dunha tremenda axilidade administrativa para levar a cabo o proxecto de instalación da rede de banda larga.
Cabe lembrar que a infraestrutura que ofrece Adamo achega conexións de 1.000 Mbps, de xeito que varios centos de veciños de Riotorto beneficiaranse dunha tecnoloxía que axuda a fixar habitantes. É dicir, que é unha ferramenta útil na loita contra o fenómeno do despoboamento, un mal que afecta a numerosos pobos de Galicia.
Así, grazas á fibra óptica, esas 700 familias poderán realizar con plenas garantías actividades que son agora en grao sumo habitual: teletraballo, educación en liña, compras pola Internet, citas médicas telemáticas, gozar de videoxogos, series e películas en remoto, etc.