Adamo levará fibra óptica a 33.000 familias rurais de Lugo entre 2023 e 2024

xoves, 1 de decembro do 2022 S. P.

Adamo presentou os detalles da súa folla de ruta 2023-2024 para a provincia de Lugo en materia de conectividade e Internet ultrarrápida. Segundo fixo saber a operadora, preto de 33.000 familias que residen en zonas illadas e dispersas da provincia terán, por fin, acceso a Internet de alta velocidade. Trátase de veciños que agora contan cun sinal de baixo rendemento ou que, directamente, carecen de conexión, segundo explica a empresa de telecomunicacións, engadindo que estes números e estas previsións foron confirmados esta semana polo Goberno, ao ratificar o resultado provisional da segunda convocatoria do Programa ÚNICO - Banda larga, financiado por Next Generation EU e dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A operadora Adamo, principal adxudicatario a escala nacional das subvencións comunitarias para estender fibra en áreas rurais (312.000 vivendas en 17 provincias), será a empresa que levará a cabo o cableado na provincia (do resto de Galicia encargaranse Avatel
- en Ourense e Pontevedra- e Rede Aberta na Coruña). Para iso, Adamo recibirá 12,3 millóns de euros, cantidade que completará con outros 5,2 millóns de capital privado ata alcanzar os 17,5 de orzamento total. O prazo para executar os traballos inclúe os anos 2023 e 2024.
Adamo explica que os traballos a realizar “marcarán un antes e un despois na vida desas 33.000 familias lucenses”, posto que “pasarán a realizar con garantías, cunha conexión a Internet de calidade, actividades que hoxe resultan en grao sumo habitual”. Por exemplo teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras. “Iso”, engade a compañía, “sitúa á fibra óptica como un elemento fundamental para fixar habitantes no territorio, como unha ferramenta imprescindíbel na loita contra o fenómeno do despoboamento, un mal que afecta a numerosos pobos lucenses”.

PUBLICIDADE