Adamo xa ten restablecido o servizo de telefonía e Internet nas zonas afectadas pola DINA

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

A operadora catalá Adamo vén de informar do restablecemento do servizo de telefonía e Internet nas zonas de Levante afectadas pola DINA (siglas de Depresión Illada en Niveis Altos). A empresa recoñece ter mobilizado os máximos recursos para acadar a plena actividade da súa rede, e máis tendo en conta o drama que está a provocar “a falta de noticias sobre os seres queridos, unha das consecuencias máis duras que provocou a situación provocada pola devastadora gota fría dos días pasados”.
E engade: “Non saber como están os familiares e os amigos desaparecidos produce unha lóxica preocupación nas persoas que tratan de contactar con eles, polo que considerando este escenario dramático, Adamo quixo poñer o seu gran de area facendo o que mellor sabe, o que pode, poñendo o foco nas comunicacións”.
De entrada, Adamo xa ten restablecido o servizo de telefonía e Internet de alta velocidade nos fogares afectados pola DINA. De maneira específica, a fibra óptica funciona con normalidade nos 25 nodos que quedaron danados polas riadas.
Ademais ofrece datos gratuítos adicionais para o móbil aos afectados pola gota fría. En concreto, a compañía agasalla 50 GB para usar durante o mes de novembro aos seus clientes co obxectivo de “que teñan datos suficientes no móbil e poder comunicarse”. Os afectados que así o necesiten, se se quedaron sen datos nas súas liñas móbiles, poden chamar gratis ao 900651651 e solicitalos.
De forma paralela, Adamo mantén aos seus técnicos a pleno rendemento e alerta para reparar os posíbeis danos que poidan xurdir na súa rede de fibra óptica. Para que os usuarios sexan conscientes diso, a empresa fíxolles chegar a seguinte mensaxe SMS: “Toda a nosa solidariedade polos efectos DINA. Os nosos equipos traballan para recuperar o servizo de fibra de Adamo na túa zona que se está vendo afectada”.
Así mesmo, a empresa e os seus empregados están a solicitar tanto doazóns económicas como alimentarias para facerllas chegar á poboación a través da Cruz Vermella. Parte das mesmas xa foron enviadas “coa máxima celeridade”.