Adeus ao DicionarioGalego de GalApps

luns, 17 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O Dicionario da RAG xa está dispoñible dende dispositivos Android grazas a GalAppsÁs poucas horas de estrearse en marzo de 2012 o dicionario da Real Academia Galega (RAG) a través da páxina web da entidade, a xente de GalApps adaptou a súa aplicación móbil de dicionario de galego para que consultase tal fonte oficial para amosar os resultados das súas consultas, convertendo o DicionarioGalego nunha aplicación imprescindible tanto para iOS como para Android, pero coa última actualización da páxina web da RAG e a estrea dunha aplicación móbil oficial do seu dicionario, a ferramenta desenvolvida de xeito altruísta por GalApps deixou de operar, e ante a falta de recursos para arranxala decidiron suspender o desenvolvemento da aplicación, retirándoa das tendas de descargas en liña.
Dende GalApps láianse da pouca colaboración da RAG, e lamentan que desboten cartos e esforzo desenvolvendo unha aplicación que duplica as funcionalidades doutra xa existente, no que consideran que é unha dilapidación de cartos públicos.
Aproveitan o adeus desta valiosa ferramenta para facer reconto do que conseguiu como desenvolvemento independente: máis de 30.000 descargas, unha valoración media dun 4,7 de 5 con máis de 150 valoracións e chegar á listaxe das 100 primeiras aplicacións a nivel estatal cunha aplicación galega.

PUBLICIDADE