Adeus ao Mac Pro

xoves, 26 de marzo do 2026 Marcus Fernández

O Mac Pro podería considerarse como un ordenador maldito, xa que en 2013 Apple quixo innovar co seu deseño, adoptando un revolucionario formato que semellaba una papeleira, pero que resultou ser un pesadelo para futuras ampliacións, de xeito que a compañía de Cupertivo deixou abandonados aos usuarios de profesionais que precisaban ordenadores de sobremesa de elevada potencia ata o punto de ter que pedir perdón e prometer que o redeseñarían completamente.
O novo Mac Pro, agora cun deseño que a moitos lembraba a un relador de queixo, chegou a finais de 2019 cun prezo moi elevada e prestacións bastante avanzadas, pero nun momento que poderiamos considerar moi pouco afortunado, xa que menos dun ano despois Apple iniciou a migración a procesadores de seu, poñendo data de caducidade a estes equipos dirixidos ao mercado profesional.
A grande sorpresa chegou en 2023, cando finalmente renovaron o Mac Pro incorporando procesador Apple Silicon (concretamente o modelo M2 Ultra), pero converténdose nun auténtico disparate, xa que ofrecía basicamente as mesmas prestacións que un Mac Studio a un prezo superior, e a posibilidade de introducirlle tarxetas PCIe no seu interior carecía de sentido (xa que non permitía o uso de tarxetas gráficas, senón que limitaba o seu uso a interfaces de son e unidades de almacenamento, o que podía facerse externamente sen problema, a un prezo moi inferior).
Finalmente Apple entendeu que estaba a facer unha barrabasada, e tras varios anos sen actualizar o novo Mac Pro, vén de eliminalo da súa páxina web, e confirmando que o produto quedaba totalmente descontinuado. Deste xeito dise adeus a unha liña de produto que nacera en 2006, en plena transición aos procesador Intel, e que marchan por ter ocupado o seu lugar unha familia de equipos cun formato moito máis compacto, por considerarse que o formato de torre carece de sentido no mundo Apple.