Adeus ás cámaras OZO de Nokia

martes, 10 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A auténtica Nokia continuou activa tras a venda da súa división de móbiles a Microsoft, e en 2015 atreveuse a innovar entrando nun mercado emerxente, o da realidade virtual, coa cámara OZO, que sincronizado 8 cámaras e 8 micrófonos ofrecía unha das mellores solucións de captación de vídeo envolvente estereoscópico do mercado, converténdose no grande referente comercial para a captación de vídeo profesional en 360 graos, pero a súa posición pioneira non foi dabondo para conseguir un próspero negocio, polo que agora anuncian que pisan o freo no sector da realidade virtual, por considerar que está moi verde, e limitaranse o traballo neste sector ao mantemento da cámara OZO de cara aos seus actuais usuarios, sen realizar máis desenvolvementos nesa liña polo momento.
Este cambio de rumbo suporá que Nokia Tecnologies terá que prescindir de 310 dos seus 1090 empregados, pasando a centrar as súas actividades no sector da saúde dixital ou, o que é o mesmo, nos produtos de Withings, compañía que absorbeu hai poucos meses.
O fracaso da cámara OZO parecía inevitable se atendemos ao feito de que o seu prezo de saída era de 60.000 dólares, aínda que pronto baixaría aos 45.000 dólares, prezo aínda moi elevado para un produto cun público final moi limitado, e que ten que competir con solucións tan completas como a Insta360 Pro, que cun prezo de 3.499 dólares consegue rexistrar vídeo envolvente en 8K e incluso está certificada para o seu uso en vehículos para captar imaxes para o Street View de Google. Ou sexa, que actualmente existen produtos que custan menos da décima parte que a OZO, cunhas prestacións semellantes pero unha maior versatilidade, facendo que a solución de Nokia Techonologies careza de atractivo para boa parte dos creadores actuais de contidos envolventes.

PUBLICIDADE