Adiantan as melloras gráficas que presentará Crysis 3

venres, 10 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Crysis 3 representará a natureza dun xeito moi realista

Tras o lanzamento de Crysis para PC elevouse o listón do nivel gráfico dos videoxogos nos ordenadores domésticos, chegando a empregarse o propio xogo como sistema para medir a potencia dos equipos e servindo de exemplo de que as consolas non poden estar á altura dos ordenadores a moitos niveis (principalmente por teren un hardware pechado que non pode actualizarse constantemente), e agora que estamos á espera dunha nova xeración de consolas a xente de Crytek volve a facelo, e presenta un trailer técnico coas melloras gráficas que presentará Crysis 3 grazas ás melloras introducidas no CryEngine 3.
Aínda que Crysis 3 non chegará ata o mes de febreiro, resulta evidente que os usuarios de PC poderán gozalo dun xeito que só soñarían os que teñan unha PlayStation 3, unha Xbox 360 ou incluso a nova Wii U.
Entre os detalles que destacan dende Crytek están que o seu motor pode xerar sombras de nubes volumétricas, vexetación teselada, efectos e escintilacións de lentes compostos en 3D, iluminación global en tempo real de terceira xeración, cáusticas de volume dinámicas na auga, sombras de brétema volumétrica en tempo real, iluminacións localizadas en tempo real, efectos de iluminación de partículas, simulación de vexetación e telas integradas e, a xeito de broma, tamén apuntan que Crysis 3 fará uso unha tecnoloxía de alto segredo para o teselado de sapos.


Trailer técnico do xogo Crysis 3

PUBLICIDADE