Adiantan boa parte das características do Mi 9

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a presentación de Xiaomi non está prevista até a xornada de mañá, o fabricante chinés leva varios días debullando as características do seu novo smartphone insignia, de xeito case non queda nada por saber do novo Mi 9, que será un terminal cunha pantalla AMOLED Full HD+ fabricada por Samsung que ocupará o 90,7% da frontal do dispositivo, presentará unha pequena pestana central na súa parte superior (para a cámara frontal) e integrará lector de pegadas dixitais; funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon 855; e presumirá da súa cámara traseira tripla, que combinará un sensor de 48 Mpíxeles con apertura f/1.75 (capaz de tomar imaxes de 12 Mpíxeles de grande calidade sumando a información recollida por bloques de 4 píxeles), cámara de grande angular (117 graos) de 16 Mpíxeles, e un sensor de 12 Mpíxeles con zoom óptico de 2x.
O Mi 9 tamén aposta por un son de calidade e grande volume, integrará NFC para pagamentos móbiles e infravermellos para operar como mando a distancia, e incluso contará cun botón dedicado para invocar ao Asistente de Google.
Temos así un produto bastante completo e competente, do que a principal dúbida serían os prezos das súas diferentes configuracións de memoria e a data na que chegará a cada un dos mercados nos que está presente Xiaomi actualmente.

JPEG - 42.4 KB
O Mi 9 terá un botón dedicado para facer uso do Asistente de Google
JPEG - 77 KB
O Mi 9 presume dunha cámara traseira tripla

PUBLICIDADE