Adiantan cómo será a versión móbil de Bioshock

martes, 17 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Os videoxogos tamén xogaron un importante papel no Mobile World Congress, e a editora de xogos para móbiles Indiagames amosou aos asistentes ao evento o que será a versión móbil do impresionante Bioshock (actualmente dispoñible para Xbox 360 e PS3), que supón todo un reto pois falamos dun xogo con espectaculares gráficos en alta definición que serían imposibles de trasladar as pequenas pantallas dos móbiles e que finalmente dará lugar a dous tipos de xogo: un 2D e outro 3D (dependendo da potencia do terminal ao que se dirixa).
Os responsables do xogo aseguraron ter capturado a esencia do título orixinal na súa edición 2D, o que resulta especialmente rechamante, mentres que a versión 3D lembra a outras conversións de xogos de acción en primeira persoa para terminais coma o iPhone, e que podería satisfacer a boa parte do público (gardando as distancias entre os tamaños de pantalla dun dispositivo móbil e dunha consola de videoxogos doméstica).
Parece que este traballo de conversión do xogo non é un proceso sinxelo, pois a versión móbil de Bioshock xa se anunciara no Mobile World Congress do ano pasado, e aínda non está lista para a súa comercialización, que é de agardar que sexa en breve.


Vídeo no que se reproduce a presentación do trailer do xogo durante o MWC

PUBLICIDADE