Adiantan o que poderían ser algúns dos xogos de lanzamento da nova Xbox

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Dende The Verge continúan a adiantar detalles da consola de Microsoft que tomará o relevo da Xbox 360, e hoxe, en vez de comentar detalles sobre o seu hardware, céntranse no seu software, comentando que distintas fontes están a apuntar que o xogo de Crytek e Microsoft Studios anunciado en 2011 para Kinect, Ryse, que nunca veu a luz para Xbox 360, podería estar a ser adaptado para aproveitar as vantaxes da nova xeración da consola que chegará a finais de ano.
Ao parecer, Ryse podería ser un dos grandes títulos de lanzamento da nova consola, na liña do que foron Gears of War e Halo nas anteriores xeracións, permitindo ao xogador participar dunha historia ambientada no Imperio Romano aproveitando as posibilidades de Kinect para permitir patear e cortar aos inimigos.
Outros dos grandes xogos de lanzamento da nova Xbox serían un novo Forza, cuns gráficos extraordinariamente realistas; así como un xogo de zombis e outro familiar, ambientado nunha illa e con gráficos semellantes aos das películas de Pixar (utilizando Kinect para escanear o corpo do xogador e así xerar un personaxe virtual para o xogo).
Queda aínda moito por saberse de aquí á celebración do E3 de Las Vegas, e incluso é moi probable que a finais de maio celébrese un evento de presentación da nova Xbox, polo que mentres é de agardar que cheguen moitos máis rumores.


Trailer de presentación de Ryse publicado en 2011

PUBLICIDADE