Adianto da nova interface da Xbox 360

luns, 29 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os temas e os avatares do novo Dashboard de Xbox 360 cambian radicalmente

Hoxe a plataforma de xogo en liña de Xbox LIVE está pechada por mantemento para adaptarse á renovación do Dashboard de Xbox 360, e para ir animando aos usuarios decidiron publicar dous xeitos de achegarse á nova interface: unha galería de capturas de pantalla que nos amosan a aparencia dos temas e dos avatares na nova plataforma e unha páxina web na que se presenta un avance do novo sistema de menús.
A galería de capturas de pantalla do que dan en chamar NXE ou Nova Experiencia Xbox nos deixan ver que os temas personalizados que podemos elixir non se limitarán a aparecer como unha imaxe de fondo, senón que se integrarán dun xeito máis dinámico (creando todo un contorno no que se situarán o noso avatar e os dos nosos amigos).

A integración dos temas na nova interface é moito maior que na súa anterior versión

As imaxes tamén amosan cómo saen os nosos amigos representados na nosa interface, de xeito que podemos ver claramente cando están en liña para poder atoparse virtualmente con nós para botar unha partida en rede.
Tamén confirman que os temas adquiridos previamente a través do Bazar de Xbox LIVE continuarán a estar operativos na nova interface, aínda que non resultarán tan atractivos como os que están por chegar.
E para facer un achegamento en primeira persoa, podemos acceder directamente á web en inglés de Xbox para ver coma será a distribución do menú da Nova Experiencia Xbox, que será moi semellante á actual, pero incorporando novidades.
Así, partiremos dunha sección de Benvida na que se inclúen atallos ao lecer en liña, os amigos, o servizo de Netflix e a sección de configuración do noso avatar; en Inside Xbox no permite conectarnos á comunidade de Xbox LIVE; o Game Marketplace nos abre a porta ao Bazar no que adquirir xogos e vídeos; en Friends poderemos organizar festas virtuais con ata 8 usuarios da nosa listaxe de amigos, cos que tamén poderemos compartir fotografías en tempo real ou interactuar a través de mensaxes de texto, mensaxería instantánea, voz ou vídeo chat; o Video Marketplace será unha das grandes novidades, pois será o lugar dende o que certos provedores de vídeo achegarán os seus contidos e, finalmente, en My Xbox teremos todo o noso material (tanto multimedia como relativo aos xogos) descargado, así como as opcións de configuración da consola.
Parece así que conseguiron crear unha interface de usuario aínda máis sinxela e agradable para a Xbox 360, o que agradecerán os usuarios máis novatos.

Download Flash Player


Achegamento vía web á nova interface da Xbox 360

PUBLICIDADE