Adíase a versión para consolas de nova xeración de The Witcher III

mércores, 13 de abril do 2022 Marcus Fernández

Os estudios de CD Projekt Red non están a pasar por un bo momento, e tras as dificultades que tiveron con Cyberpunk 2077 temos agora que a compañía tivo que saír á palestra para anunciar que a súa promesa de lanzar unha versión para consolas de nova xeración de The Witcher III: Wild Hunt no segundo trimestre do ano non só adiará o seu lanzamento, senón que nin sequera ousan dar unha previsión sobre a data de lanzamento do xogo.
O desenvolvemento da remasterización de The Witcher III corría a mans as oficinas rusas de Saber Interactive, e CD Projekt Red decidiu finalmente mover ese traballo aos seus estudios internos, o que non é unha tarefa sinxela. Aínda que non explicaron as causas, parece máis que probable que as sancións sobre Rusia por mor da guerra de Ucraína fosen as que provocasen a conxelación do desenvolvemento en curso (pois houbo unha fuxida de traballadores da industria ante as dificultades para cobrar polo seu traballo, aínda que poderiamos estar ante unha motivación principalmente política), de aí que a actualización do último xogo de Geralt de Rivia para presentar gráficos mellorados e tempos de carga reducidos farase agardar máis do desexable, aínda que o seu lanzamento é inevitable, xa que CD Projekt Red quere revitalizar a saga de The Witcher para manter a franquía activa de cara ao inicio dunha nova saga de xogos ambientados en tal universo fantástico.

PUBLICIDADE