Adidas vende unhas zapatillas deportivas para celebrar os 20 anos de Xbox

mércores, 22 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Dentro da celebración do 20º aniversario de Xbox puxeron á venda varias zapatillas deportivas de Adidas, das que finalmente chega a Adidas Forum Tech Boost, que son as primeiras deportivas Xbox comercializadas globalmente, e que presentan unha aparencia inspirada na Xbox Series X (presentando na soleta o logotipo do 20º aniversario de Xbox). Unhas deportivas negras, co logotipo de Xbox nos laterais externos e con acentos na cor verde característica de Xbox (incluíndo tamén uns cordóns nesa cor como alternativa aos discretos cordóns negros cos que veñen).
As zapatillas Xbox Forum Tech Boost poden adquirirse xa a un prezo de 140 euros (sen posibilidade de aplicar os moitos descontos que Adidas ofrece nestas datas para dinamizar as vendas), polo que resulta evidente que estamos ante un produto pensado máis para coleccionar que para vestir, aínda que non serán poucos os afeccionados á consola de Microsoft que queiran facerse coas zapatillas para levalas a encontros gaming para así amosar a súa adhesión á marca Xbox.

PUBLICIDADE