Adobe non eliminará o soporte da súa aplicación de animación

mércores, 4 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

A semana comezou cun anuncio moi negativo para moitos profesionais da animación, pois anunciouse que a aplicación Adobe Animate (que collera a remuda do célebre Macromedia Flash) deixaría de comercializarse o 1 de marzo, data a partir da que os usuarios terían un ano para a descarga dos seus ficheiros, de xeito que o 1 de marzo de 2027 os usuarios particulares perderían o soporte da aplicación (aínda que as empresas terían 2 anos adicionais de soporte).
Aínda que esta ferramenta perdeu moito peso no mercado nos últimos anos (en boa medida porque leva anos sen recibir novidades significativas), continúa a ser de grande utilidade, polo que a reacción ante este anuncio foi bastante negativa, ata o punto de que levou a Adobe a repensar a súa decisión, e pasar de abandonar completamente Adobe Animate a decidir pasar a aplicación a un modo de mantemento.
Deste xeito Adobe Animate non recibirá novidades no futuro, pero manterá o seu soporte de xeito indefinido, polo que poderá descargarse con normalidade e contará con corrección de erros e de fallos de seguridade, ou sexa, que basicamente recibirá o mesmo trato que tivo nos últimos anos.