Advent Vega, un tablet de 10 polgadas con Android e a menos de 300 euros

martes, 19 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Os tablets que chegan ao mercado como alternativas ao iPad son na súa meirande parte decepcionantes por contar con pantallas de pequeno tamaño e prestacións bastante recucidas, pero algúns modelos coma o Advent Vega resultan bastante prometedores, pois este dispositivo que chegará o mes que vén conta co sistema operativo Android 2.2, pantalla táctil capacitiva de 10 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador nVIDIA Tegra 2 (o que permitiría a reprodución de vídeo en alta definición), 512 Mb de RAM, 512 Mb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, webcam de 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth, saída mini HDMI e saída USB que sorprende agradablemente polo seu prezo, xa que venderíase a 249,99 libras (285,70 euros), o que está bastante lonxe dos elevados prezos do iPad e mesmo do Samsung Galaxy Tab (tablet con Android ao que o Advent Vega fai quedar coma un cativo).
O Advent Vega funcionará inicialmente coa tenda de aplicacións Archos AppsLib, aínda que agárdase que na súa revisión de software incorpore o acceso ao Android Market. Para primeiros de 2011 tamén sairá unha versión do Advent Vega con conectividade 3G.

PUBLICIDADE