Advirten do perigo de pagar a través de códigos QR situados en lugares públicos

luns, 17 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses afixémonos a empregar códigos QR para acceder ás cartas dos restaurantes, á plataforma de reservas dalgúns establecementos ou incluso como atallo para instalar unha aplicación no móbil, pero non podemos esquecer que os códigos QR veñen a ser o equivalente a unha ligazón na web, co risco que iso supón, e ao igual que poden estafarnos con ligazóns por correo electrónico e mensaxes de texto, os códigos QR poden facer o mesmo, e así están a advertilo nos EE.UU., onde atoparon adhesivos con códigos QR en numerosos parquímetros que levaban a unha páxina web fraudulenta que simulaba servir para pagar por aparcar na rúa.
Este orixinal calote detectouse no mes de decembro en San Antonio (Texas), e aseguran que tamén está a replicarse a práctica en Austin e Houston, aínda que nestes casos a páxina web á que remitían os códigos QR (passportlab.xyz) está fóra de liña, de xeito que xa non poderá estafar a máis condutores que pensen que están a recorrer a un sistema de pagamento rápido.
As autoridades das cidades afectadas están a advertir deste tipo de ameaza, insistindo en que nunca empregarían códigos QR para aceptar pagamentos xa que os códigos QR son moi doados de falsificar. Os únicos métodos de pagamento que aceptan son efectivo, tarxeta bancaria ou a aplicación oficial do servizo de parquímetros.

PUBLICIDADE