Advirten que o 70% dos correos que se envían hoxe no Estado son correo lixo

luns, 28 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Un dos principais recursos de comunicación da Rede, o correo electrónico, é na súa maior parte unha canle de datos inútiles, obsoletos, fraudulentos ou non requiridos. En definitivo, o groso do coñecemento que se move en e-mails é practicamente nada. Isto non é novo, sábese dende hai anos (en 2010 xa chegabamos a intres cunha porcentaxe de spam do 90%). A novidade está unha vez máis nas cifras e na concreción das mesmas. En España envíase cada día unha cifra nada desprezable de 2.100 millóns de mails. Deles, 7 de cada 10 son correo lixo.
Ademais, segundo informa Mailify (start-up catalá especializada en mercadotecnia e correo electrónico e centrada tamén en amosarnos o tempo e os esforzos que perdemos en eliminar este tipo de informacións non solicitadas), estímase que no eido estatal cada usuario recibe aproximadamente unha media de 79 mails ao día: entre 20 e 25 chegan á súa caixa de correos, repartidos entre a bandexa de entrada e o cartafol de correo lixo. O resto, 1.500 millóns de envíos, son bloqueados por filtros antispam. “Aínda así, cada traballador precisa unha media de entre 15 e 20 minutos diarios para eliminar o spam da súa caixa de correos”, engaden dende Mailify reflectindo datos da Axencia Española de Protección de Datos.
No informe de Mailify ao respecto do spam, amais de achegar cifras sobre a súa incidencia, tamén se distingue entre dous tipos de correo non solicitado. Por unha banda, sinálase que un 70-80% do spam forma parte da cibercriminalidade e é recoñecido como fraude (España é o 11º país máis infectado a nivel mundial considerando todo tipo de ataques informáticos, segundo datos de Kaspersky Lab). Pola outra, o 20-30% do spam restante son correos comerciais que se reciben sen o consentimento do destinatario. Como dixemos, unha boa parte destes envíos fican atrapados nos filtros (nunca saberemos deles nin teremos que aturalos) pero outros acaban por chegar ás bandexas de entrada dos usuarios. Poden ser correos que simplemente esquivaron os filtros, explican dende Mailify, “pero tamén envíos de remitentes lexítimos que non nos envían o que solicitamos, mails comerciais que solicitamos pero que non nos interesan porque as ofertas non son axeitadas, mails que nos interesan pero que non desexamos recibir tan a miúdo, etc”.
Para a devandita empresa, está claro que o problema vai alén dun risco inherente: afecta ao traballo mesmo dunha empresa. De feito, a máis correo lixo, menos rendibilidade entre os seus empregados. Por outra banda, lembran que unha firma que se dedica a facer envíos masivos a través da Rede sen o consentimento expreso dos destinatarios (co fin de obter resultados económicos de forma rápida e sen esforzo), pode ter consecuencias legais e sancións. Engaden que se trata “dunha estratexia baseada en mala información e, decote, realízase a través da compra de bases de datos ilícitas”.