Adxudicadas dez bolsas de formación para os proxectos tecnolóxico-lingüísticos do Centro Ramón Piñeiro

luns, 18 de novembro do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia anunciou a adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral da Lingua. Trátase dunhas axudas formativas nas que o Goberno autonómico inviste 266.414€ e coas que busca cada ano “fomentar a formación e a capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega”.
Esta iniciativa forma parte do obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e nomeadamente da Secretaría da Lingua que dirixe Valentín García, de “prestixiar e impulsar o uso da lingua galega en toda a sociedade”. Inclúese, de feito, na folla de ruta iniciada pola Administración autonómica e na que tamén están previstas outras medidas como a posta en marcha de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas nacidas fóra da Comunidade ou, no eido tecnolóxico, a continuación do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial.
No caso concreto destas bolsas, que comezarán o vindeiro 1 de decembro e rematarán o 30 de novembro de 2026, incentívase a investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua galega ao tempo que se contribúe á especialización das persoas universitarias mediante a súa participación nalgúns dos proxectos desenvolvidos na actualidade no Centro Ramón Piñeiro.
Nesta ocasión, os proxectos nos que participarán as persoas adxudicatarias das bolsas teñen todos un forte alicerce tecnolóxico: Bibliografía da literatura galega, Fraseoloxía Galega, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Cantigas de Santa María, Prosa literaria medieval, Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala, Base de datos do Atlas Lingüístico Románico, Dicionarios de literatura e Literatura infantil e xuvenil.
O Centro Ramón Piñeiro, como institución de referencia en estudos de fundamentación e investigación filolóxicos, literarios e antropolóxicos, potencia o prestixio crecente da lingua galega entre as linguas románicas, fomentando liñas estruturais que favorecen os traballos de investigación nos eidos sinalados, baixo esquemas baseados na dixitalización das Humanidades.
Dixitalización do coñecemento
Actualmente, a súa orientación de traballo que xira arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval ou a identidade colectiva, entre outras, céntrase na dixitalización do coñecemento. Desta forma búscase facilitar o acceso en liña dos resultados acadados nas súas investigacións, co propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan a súa difusión e reutilización. O obxectivo final é contribuír ao acceso igualitario do coñecemento de xeito que redunde nun beneficio común a prol do interese público.