Adxudicadas dez bolsas formación para a investigación do Centro Ramón Piñeiro
venres, 11 de novembro do 2022
Este
venres
11 de novembro publicouse Diario Oficial de Galicia a resolución
de adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro
para a Investigación en Humanidades (Secretaría Xeral de Política
Lingüística) unhas axudas formativas nas que o Goberno galego
inviste 237.600€ e coas que busca cada ano “fomentar a formación
e capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo
ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua
galega”. Ao mesmo tempo, búscase tirar o máximo proveito das tecnoloxías da información para aumentar o coñecemento, a
innovación, a visualización e os estudos arredor do galego.
En
concreto, os proxectos nos que participarán as persoas
adxudicatarias das bolsas son Bibliografía da Literatura galega, Fraseoloxía galega, Corpus de referencia do galego actual
(CORGA), Cantigas de santa María,
Terminoloxía científico-técnica, Recursos para o
desenvolvemento de tecnoloxías da fala, Base de datos do ALIR
e Dicionarios de Literatura. A data estimada de comezo da
formación será o 1 de decembro de 2022 e rematará o 30 de novembro
de 2024.
O
Centro Ramón Piñeiro é unha institución de referencia en estudos
de fundamentación e investigación filolóxicos, literarios e
antropolóxicos. Dende o seu seo estase a potenciar o prestixio
crecente da lingua galega entre as linguas románicas, fomentando
liñas estruturais que favorecen os traballos de investigación nos
eidos sinalados, baixo esquemas baseados na dixitalización das
Humanidades.
Dixitalización
do coñecemento
A
maiores a súa orientación de traballo céntrase, ademais, na
dixitalización do coñecemento. Desta forma búscase facilitar o
acceso en liña dos resultados acadados nas súas investigacións, co
propósito de ofrecer recursos dixitais e ferramentas que permitan a
súa compartición e reutilización. O obxectivo final é “contribuír
ao acceso igualitario do coñecemento de xeito que redunde nun
beneficio común a prol do interese público”.
