Adxudicados os novos traballos de dixitalización de documentos do Arquivo Histórico Municipal de Ribeira

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Ribeira informou da adxudicación con carácter provisional dos traballos para continuar a dixitalización de documentos do Arquivo Histórico Municipal coa finalidade de “poñelos a disposición da cidadanía e poidan ser consultados telematicamente”.En concreto, nesta ocasión vanse tratar un total de 66.273 páxinas pertencentes a preto dunha trintena de clases de documentación. A empresa que obtivo a mellor clasificación entre as tres ofertas presentadas resultou Vinfra, S.A., cunha oferta de 0,238 euros por cada páxina ou imaxe a dixitalizar.
Actas da comisión municipal permanente (de 1924 a 1985), actas de pleno (de 1990 a 1998), libros de padróns de habitantes, libros rexistro de salvocondutos (1946-1947), ordenanzas municipais (1867-1880), libros rexistro de entrada e saída de buques (de 1863 e 1896) ou algúns máis específicos como actas da xunta soberana da revolución de 1968 son algúns dos documentos que se dixitalizarán nesta fase.
O Concello explica que a documentación xerada poderá ser consultada de balde a través do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana), do cal xa está habilitada unha ligazón específica na web do Concello cos accesos aos documentos históricos locais xa a disposición da cidadanía, conformando máis de 83.000 páxinas.
Este investimento está subvencionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE