Aerocamaras e o Instituto Nebrija de Competencias Profesionales impulsarán o emprendemento na aeronavegación

xoves, 20 de marzo do 2025 S. P.

A compañía galega Aerocámaras, referente no sector da aeronáutica con sede en Lalín e no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, vén de acadar un acordo co Instituto Nebrija de Competencias Profesionales para impulsar a formación e o emprendemento no sector da aeronavegación. Esta colaboración realízase a través da escola superior de drónica Campus UAS by Aerocámaras, que ofrecerá programas de formación permanente ao alumnado do Instituto Nebrija.
Trátase, máis polo miúdo, do Curso de Especialista en Operacións Loxísticas con Drons e do Curso de Especialista en Montaxe e Mantemento de Drons, ambos con formación de piloto con homologación europea incluída.
“Esta alianza ten como obxectivo principal capacitar tanto a empresas como a profesionais no ámbito da tecnoloxía de vehículos aéreos non tripulados, dotándoos das competencias necesarias para liderar proxectos innovadores, afrontando os retos do sector tecnolóxico e contribuíndo á expansión internacional da drónica”, sinalan desde Aerocámaras, engadindo que no marco desta colaboración, os profesionais terán acceso a unha oferta formativa diversificada, que combina especialización técnica e a integración tecnolóxica con competencias de xestión e liderado. Estes programas serán certificados cun título propio por parte do Instituto Nebrija.
Tal como informan desde Aerocámaras, “estes cursos non só buscan ampliar os coñecementos técnicos e tecnolóxicos dos participantes, senón tamén desenvolver habilidades estratéxicas e empresariais, potenciando a empregabilidade e favorecendo a creación de iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemento do sector tecnolóxico”.
O director xeral de Aerocámaras, Francisco Álvarez, pon de relevo que “esta alianza reforza o noso compromiso coa formación de excelencia no sector da drónica. A integración de programas especializados en loxística e en montaxe e mantemento de drons permitirá aos profesionais e empresas contar coas competencias necesarias para aproveitar ao máximo o potencial destas tecnoloxías”.