Aerocámaras, pioneira en inspeccionar liñas de alta tensión con tres sensores equipados en drons

xoves, 21 de decembro do 2017 Fernando Sarasketa

A empresa galega Aerocámaras, centrada no desenvolvemento e subministro de drons, está a realizar inspeccións con vehículos aéreos propios en liñas de alta tensión da Rede Eléctrica de España. Segundo informa a firma, os traballos de seguimento e análise destas infraestruturas foron cen por cen pioneiros: leváronse a cabo, por vez primeira en España, empregando tres sensores nun mesmo voo, captando imaxes en HD (Alta Resolución, High Definition en inglés), termográficas e ultravioleta.
En palabras dos responsábeis de Aerocámaras, o devandito “supón un gran avance xa que se abaratan de maneira notábel os custos respecto de helicópteros e medios convencionais e gáñase en seguridade e tempos”. Para quen queira facerse unha idea da natureza deste tipo de inspeccións, a empresa pendurou en Vimeo un vídeo explicativo.
Os traballos, despregados nas Illas Canarias, responden á adxudicación a Aerocámaras dun proxecto avanzado de seguimento posto en marcha por Rede Eléctrica de España, adxudicación que respondeu á ampla experiencia da compañía galega en materia de servizos con drons profesionais para inspeccións técnicas, servizos en emerxencias, seguridade, topografía, agricultura, infraestruturas ou audiovisuais, entre outros, ademais de ser experta en formación de pilotos, con máis de 2.000 alumnos no territorio estatal.
Segundo informa a empresa galega con meirande detalle, unha das novidades máis importantes deste proxecto (un avance á hora de realizar análises con vehículos aéreos non tripulados) foi o equipamento da aeronave con tres sensores para a captación de tres tipos de imaxes. Por unha banda está a gravación en HD (Alta Resolución / RGB), por outro a gravación termográfica (IR) para detectar os puntos de calor e, por último, a gravación ultravioleta (UV). Esta última serve para detectar o “efecto coroa”, un tipo de fenómeno que se produce nas liñas eléctricas e que xera unha das principais fontes de perda de enerxía.
Respecto das vantaxes concretas, o emprego de aeronaves para este tipo de tarefas “consegue reducir custos e mellorar os resultados, xa que o traballo pódese levar a cabo con maior eficiencia e rapidez”, explica a firma galega, engadindo que “con este sistema pódense esculcar defectos en diferentes ángulos e alturas, que antes só eran posíbeis de ver con medios como helicópteros e aeronaves tripuladas”. Ademais, tamén supón unha mellora na seguridade do traballador, que realiza a inspección con maior precisión e desde zonas seguras.

PUBLICIDADE