Aerocamaras, seleccionada para o proxecto europeo destinado a controlar o tráfico aéreo de drons

mércores, 22 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A compañía galega Aerocamaras, con sede en Lalín e no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), foi seleccionada para formar parte do consorcio europeo de empresas, liderado por Indra, que desenvolve o denominado Proxecto Ensure. Este está dirixido ao control do tráfico aéreo de drons mediante unha plataforma intelixente coñecida como U-Space.
U-Space é o conxunto de novos servizos e procedementos específicos que se está a desenvolver de maneira coordinada entre unha vintena de países de Europa para posibilitar un alto número de operacións con drons, dunha maneira ordenada, fluída, segura e accesíbel. Prevese que o proxecto remate en 2024 e que o U-Space se poña en marcha en 2025.
A firma galega encargarase de planificar, supervisar e executar, tanto en Galicia como en Madrid, as probas de operacións reais que se efectúen no transcurso do proxecto. A responsabilidade directa sobre unha fase tan sensíbel e complexa dos traballos débese a que, segundo as condicións que demanda o proxecto, Aerocamaras cumpre cos máis altos parámetros de esixencia, tanto pola alta capacidade técnica dos seus equipos de persoal como polo seu dominio das ferramentas.
Aerocamaras é unha empresa de drons referente en España, pioneira no desenvolvemento, formación, vendas e servizos profesionais con aeronaves non tripuladas. Na actualidade é unha empresa sobranceira na formación de pilotos de drons, avalada por máis de 35.000 alumnos. Conta con centros de formación de pilotos que xa se converteron nunha referencia nacional, con máis de 15 escolas repartidas ao longo de todo o país.

PUBLICIDADE