Aeromedia, Indra e o ITG desenvolven un sistema para rastrexar desaparecidos: DroneFinder

xoves, 20 de xullo do 2023 S. P.

Aeromedia, Indra e ITG desenvolveron unha innovadora solución deseñada para localizar a persoas desaparecidas en tempo récord e salvar vidas mediante o uso de drons e Intelixencia Artificial: DroneFinder. O sistema, materializado para a Axencia Galega de Emerxencias no marco do Polo Aeroespacial de Galicia (Axendia Galega de Innovación), contou con financiamento da Xunta a través de Fondos FEDER, e integrarase cos sistemas que empregan os servizos públicos de emerxencias, saúde e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
A tecnoloxía foi en parte desenvolvida con vistas a combater un problema que vai a máis: o extravío de persoas maiores e de vítimas en catástrofes naturais. De feito, segundo datos de SOS Desaparecidos, o 46% dos maiores de 70 anos que se perden en España padecen alzhéimer e en moitos casos o desenlace destas situacións é fatal, a pesar de que a maioría dos falecidos atopábanse a só 3 ou 4 quilómetros da súa residencia ou do lugar onde foron vistas por última vez. O ITG lembra tamén que “no caso do turismo activo ou de catástrofes naturais, son frecuentes os accidentes ou situacións nas que unha persoa extravíase e non ten posibilidade de comunicar a súa situación”.
Para resolver o problema, o sistema DroneFinder analiza de forma automatizada, en tempo real, grandes volumes de imaxes recollidas pola cámara de vídeo dual (RGB e térmica) integrada nos drons. O sistema tamén pode detectar á persoa no caso de que esta carrexe algún dispositivo electrónico, como pode ser unha pulseira ou reloxo intelixente. De forma paralela, a tecnoloxía desenvolvida é quen de lanzar un aviso directamente aos equipos de emerxencias, “reducindo ao mínimo os tempos de resposta e optimizando os recursos empregados na procura, contribuíndo con iso a salvar vidas”, explican fontes do ITG, engadindo que o obxectivo final é “localizar ás persoas en tempo récord posto que, para o éxito deste tipo de operacións, as primeiras 48 horas de procura son vitais, especialmente na procura de persoas con deterioración cognitiva, doenzas neurodexenerativas ou persoas con discapacidade”.
A empresa Aeromedia, especializada en servizos de RPAS (sistemas de aeronaves pilotadas a distancia), bota man, para este desenvolvemento da súa longa experiencia nacional en servizos de procura de persoas desaparecidas e achegou tanto o hardware que permitirá a procura a través de reloxos, pulseiras intelixentes ou teléfonos móbiles, como a despregadura da operativa de procura con UAV (vehículos aéreos non tripulados). Hardware e software que inclúe unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá xestionar a actividade do persoal do dispositivo de procura. “Estes dispositivos de localización (pulseiras, reloxos…)”, sinalan fontes de Aromedia, “caracterízanse por unha duración da súa batería de ata dous anos, así como pola capacidade de monitoraxe que achegan desde o fogar ou lugar de estancia do usuario”.
Indra, responsábel do desenvolvemento da aeronave OPV (Optional Piloted Vehicle) TARGUS dentro do ámbito da Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia, ofrecerá a súa experiencia a través dun centro de procesamento de datos que aglutinará toda a información recollida das diversas fontes. O sistema de xestión de procura de persoas (SGBDP) centralizará e almacenará as entradas de datos procedentes dos diferentes sistemas e así ofrecerá aos usuarios finais unha interface desde a que facer monitoraxe en tempo real a captura destes, sendo posíbel utilizalos para unha reprodución posterior. Tamén permitirá que o 112 acceda, en tempo real ás funcionalidades propostas, desde calquera lugar en que haxa unha conexión a Internet ou cobertura de telefonía móbil.
Pola súa banda, o Centro Tecnolóxico ITG achega a súa ampla experiencia en Visión Artificial cunha solución que facilitará ao equipo de procura a inspección visual automatizada das imaxes capturadas polos drons. Unha tecnoloxía baseada en Intelixencia Artificial que permite procesar e analizar en tempo real, sen intervención humana e tanto de día como de noite, as imaxes procedentes das cámaras duais (RGB e térmica) que portan os drons. Algoritmos de IA que multiplican o volume de imaxes analizadas nun curto espazo de tempo, incrementando as posibilidades de localización dos desaparecidos.
O proxecto DroneFinder está promovido pola Xunta de Galicia no marco da Civil UAVs Initiative, dentro do Programa Estratéxico 2021-2025, e está financiado no marco do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19. A solución tecnolóxica estará plenamente operativa a finais deste ano 2023.

PUBLICIDADE