Affinity Photo proponse como unha alternativa económica ao Photoshop no Mac

martes, 10 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Non son poucas as alternativas que existen ao Photoshop de Adobe á hora de editar fotografías, que destacan en moitos casos polas súas elevadas prestacións e os seus prezos reducidos (de feito, algunhas ferramentas incluso son de balde), e agora xurde unha nova ferramenta bastante impresionante para OS X, Affinity Photo, que está a estrear a súa beta pública, tras a que pasaría a ter un prezo de 49,99 euros na Mac App Store.
Esta nova aplicación profesional de prezo asumible permite traballar con numerosos perfís de cor, é compatible con documentos de Photoshop e con plug-ins de 64 bits e chega dotado cunha ampla variedade de ferramentas de edición que facilitan o uso creativo desta aplicación, como pode verse no vídeo a continuación: