After Burner Climax chega á App Store

venres, 8 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Hai 3 anos o xogo After Burner Climax, que recuperaba un clásico das recreativas de SEGA, estreou versión descargable para Xbox 360 e PlayStation 3, e agora este título está aínda máis accesible ao chegar á App Store como aplicación universal para iPhone e iPad por un prezo de 2,69 euros.
O xogo arcade de cazas de combate é fiel á súa mecánica orixinal, con acción frenética, apuntar a aeronaves inimigas e esquivar a avións, foguetes e balas ao longo de máis de 20 fases nas que poderemos empregar distintos cazas: o F-14D Super Tomcat de Northrop Grumman, o F-15E Strike Eagle ou o F/A-1 8E Super Hornet de Boeing (personalizables con 4 pinturas distintas).
After Burner Climax ofrece 3 modos de xogo: arcade, ataque por puntos (competindo con outros pilotos de todo o mundo) e Clímax (cando se enche o indicador de Clímax pararase o tempo e haberá que marcar inimigos en masa para acabar con todos eles á vez). Tamén conta con outras funcións como compatibilidade con AirPlay e HDMI, e está adaptado tanto a dispositivos con pantalla Retina como para o iPad mini.
Dende SEGA confirman que a versión para Android deste xogo chegará en breve.


Trailer de lanzamento do xogo