Afundación achéganos en Ferrol ás vantaxes e riscos das TIC na adolescencia

martes, 9 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

ABANCA, a través de Afundación, vai organizar en Ferrol unha interesante charla que bota luz sobre os riscos que pode ter un uso irracional e trabucado das ferramentas dixitais entre crianzas e adolescentes. A cita (que chega a Ferrol despois dunha edición previa en Lugo) será o 18 da xaneiro na sede local de Afundación. O coloquio Os menores ante as novas tecnoloxías: beneficios e riscos vén da man do experto en seguridade tecnolóxica José Torres e organízase ao abeiro do ciclo Educación e docencia no s. XXI.
José Torres, para quen non o saiba, é responsábel do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Na sesión prevista en Ferrol abordará as respostas que debe afrontar o eido da docencia ante os novos retos que se lle propoñen ao alumnado do noso tempo. Retos como por exemplo a necesidade de adaptarse á globalización e ao uso masivo de Internet e as novas tecnoloxías, pero facéndoo dun xeito racional, útil e enriquecedor. Segundo avanza Torres, os múltiples beneficios da sociedade dixital están a verse embazados por un incremento importante de delitos relacionados coas TIC, derivados dun mal emprego destas ferramentas. O experto tamén adianta que “lonxe de criminalizar as novas canles, é importante que sexamos conscientes dos riscos e perigos que implica, especialmente cando se trata dun colectivo tan vulnerábel coma o dos menores”.

PUBLICIDADE