Agasol e a AMTEGA celebrarán obradoiros de verán para incentivar as vocacións STEAM entre o alumnado feminino

venres, 1 de xullo do 2022 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolverá, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Programa STEAM, que, a través dos obradoiros de verán, procura motivar e favorecer un uso creativo da tecnoloxía así como igualitario entre rapazas e rapaces, derrubando estereotipos.
As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros de carácter práctico e presencial en 16 concellos de toda Galicia. Este ano a organización busca achegar a formación principalmente a mozos e mozas de municipios máis pequenos e situados no rural galego. O programa comeza o 4 de xullo en Cuntis e nesa primeira semana de xullo tamén haberá obradoiros en Tomiño e Celanova.
En cada concello faranse dúas quendas por idades, unha para a rapazada de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos. A capacidade máxima por quenda será de 15 persoas nas aulas CeMIT e no centro GaiasTech da Xunta de Galicia. Os lugares definitivos e as datas de celebración dos obradoiros do Programa STEAM estarán dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza, e na web Digitalent. Agasol apoiará a difusión da información sobre as xornadas nas súas redes sociais para animar á inscrición da rapazada.

Contido dos obradoiros

O alumnado participante tomará contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, con actividades como a creación de circuítos en papel, programación de videoxogos propios con Scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de “cómics” interactivos con makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch).
Ademais, as nenas e nenos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Con Girl STEAM, Agasol e a AMTEGA buscan visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e apoderar ás rapazas para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.

Calendario

4 e 5 de xullo: Cuntis (Pontevedra)
6 e 7 de xullo: Tomiño (Pontevedra)
8 de xullo e 5 de agosto: Celanova (Ourense)
26 e 27 de xullo: Santiago de Compostela (A Coruña)
28 de xullo: Carballedo (Lugo)
3 e 4 de agosto: Fisterra (A Coruña)
9 e 11 de agosto: Guitiriz (Lugo)
10 de agosto: Riotorto (Lugo)
16 e 17 de agosto: Castrelo de Miño (Ourense) e Leiro (Ourense)
18 e 19 de agosto: A Cañiza (Pontevedra)
22 e 29 de agosto: Santa Comba (A Coruña)
23 e 24 de agosto: Ribadeo (Lugo)
25 e 26 de agosto: Ortigueira (A Coruña)
30 e 31 de agosto: Betanzos (A Coruña)
1 e 2 de setembro: Arzúa (A Coruña)

PUBLICIDADE