Aída Cordeiro e Rosa Ana García falan de apoios ao emprendemento no podcast En Beta Permanente

mércores, 23 de abril do 2025 S. P.

O podcast En Beta Permanente grava esta mañá no Pazo de Arenaza un capítulo especial do seu podcast. Nel conta coas convidadas Aída Cordeiro, secretaria xeral de AJE Coruña, e Rosa Ana García, deputada responsábel de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente na Deputación da Coruña. Neste capítulo o obxectivo é “achegar á audiencia ás iniciativas que se están levando a cabo dende as institucións públicas e asociacións empresariais para apoiar a persoas emprendedoras”. Así, as persoas que escoiten o episodio poderán descubrir recursos e ver como funcionan dende dentro todos estes programas e axudas.
O programa En Beta Permanente ten o obxectivo de “contar historias reais, compartir aprendizaxes e dar visibilidade a persoas, proxectos e iniciativas que impulsan o tecido empresarial e emprendedor da provincia de A Coruña”.
A gravación realízase no Pazo de Arenaza e o podcast será publicado o luns 28 de abril a primeira hora da mañá en Spotify e YouTube.
En Beta Permanente é como dixemos o podcast onde se dá voz a emprendedores e proxectos empresariais de A Coruña. Para facelo, Juan Diego e Paula entrevistan a emprendedores locais para descubrir como nacen, crecen e evolucionan os seus proxectos. En cada episodio impar, exploran historias, aprendizaxes e desafíos. Nos capítulos pares, debaten sobre as 12 fases do método Lean StartUp, analizando a súa aplicación real xunto aos seus convidados e convidadas.