Airis lanza dous novos reprodutores de DVD de 8,5 polgadas

martes, 3 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Airis vén de poñer no mercado dous novos modelos de reprodutor de DVD de 8,5 polgadas de pantalla que semellan feitos para levar a contraria a todos aqueles que pensan que en cuestións de pantallas (como noutras nas que non nos imos meter) hai que ter sempre en conta un dos refráns preferidos polos galegos: barco grande, ande ou non ande. En definitiva, non deixa de ser curioso como nun mesmo tipo de tecnoloxía se cubren tales extremos: o xigantismo e o miniaturismo.
O caso é que con estes novos equipos LW263 e LW264 semella que poderemos ir coa teima do cinema a todas partes, e mesmo coa garantía (sostén Airis) de que van reproducir todo o que lle metamos, dende os formatos de arquivos habituais até os que están vinculados a algún tipo de compresión: DVD, VCD, CD, HDCD, MPEG4 e WMA, entre outros. Os equipos tamén inclúen lector USB e de tarxetas e os seus prezos son de 159 e 199 euros, respectivamente.

PUBLICIDADE