Akamai analiza o estado dos acceso á Internet a nivel mundial

luns, 30 de xuño do 2014 Marcus Fernández

O provedor de contidos distribuídos xeograficamente Akamai publicou os resultados do seu informe para o primeiro trimestre de 2014, no que fa un balance da situación da Internet a nivel global, medindo factores como as velocidades dos accesos á Rede, a adopción da banda larga, o uso de dispositivos móbiles... aos que engade novas medidas de grande interese de cara ao futuro, como son a adopción do estándar IPv6, a preparación dos distintos países de cara ao streaming de vídeo en 4K ou as cotas de adopción da banda larga e as velocidades de conexión dende o móbil por países.

Velocidades medidas dos países no noso contorno

O informe considera que globalmente as velocidades de acceso á web medraron un 24% interanual, chegando aos 3,9 Mbps, á vez que o 20% das conexións superan xa os 10 Mbps, o que suporía que en España conseguimos esta sobre a media, con conexións a unha velocidade media de 7,2 Mbps, aínda que na adopción da banda larga imos rezagados, con só un 16% das conexións sobre os 10 Mbps (aínda que se falamos de conexións de máis de 4 Mbps si estamos nunha posición moi boa, chegando tal conexión ao 74% dos usaurios). Parece ser que canto maior é a velocidade medida, peor queda España, xa que o número de conexións que superan os 15 Mbps queda só no 6,1%, de xeito que o streaming de vídeo de ultra alta definición podería chegar a un número moi reducido de usuarios de Internet no noso territorio.
De compararnos co noso contorno, temos que España superaría en velocidade media de conexión a Francia, Italia e Portugal, quedando na posición 32ª a nivel mundial, o que indicaría unha boa progresión da calidade das nosas conexións, que aínda están moi lonxe de países como Suíza (con velocidades medias de 12,7 Mbps), Reino Unido (9,9 Mbps) ou Alemaña (8,1 Mbps); confirmándose tamén que as mellores conexións están en Asia, concretamente en Corea do Sur (23,6 Mbps), Xapón (14,6 Mbps) e Hong Kong (13,3 Mbps), que parecerían os únicos mercados nos que a ultra alta definición tería a posibilidade de converterse nunha realidade a medio prazo dada a calidade das súas redes.
En conectividade móbil países como Corea do Sur tamén parecen xogar nunha división totalmente distinta ao resto do mundo, cunha velocidade media de 14,7 Mbps e velocidades pico de 41,3 Mbps (o 78% gozarían de conexións de máis de 4 Mbps), mentres que o Xapón supera as velocidades pico (47,3 Mbps) pero ten unha media bastante modesta (5,7 Mbps), co 61% das conexións a máis de 4 Mbps. En España teriamos unhas conexións móbiles bastante dignas, con 4,8 Mbps de velocidade media e 27,3 Mbps de velocidade punta, co 46% das conexións conseguindo velocidades maiores aos 4 Mbps.
Non sorprende ver como as conexións móbiles caen estrepitosamente en velocidade se apuntamos a América latina, onde só Venezuela parece gozar dunhas conexións dignas, con velocidades medias de 4,3 Mbps e o 69% das conexións a máis de 4 Mbps, mentres que o resto de países analizados non chegarían nin aos 2 Mbps de media nin achegarían conexións de 4 Mbps a máis do 3,2% da poboación.

PUBLICIDADE