Alavuelta preséntase ante os comerciantes do centro histórico compostelán

mércores, 19 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A asociación de Compostela Monumental presentou hoxe na súa sede as funcionalidades da aplicación móbil de Abanca para impulsar o comercio electrónico e a apertura de novos mercados para os nosos establecementos. Estamos a falar de Alavuelta, unha ferramenta de Big Data (datos a gran escala) que tamén pon en xogo interesantes vantaxes para os consumidores, ao permitirlles cousas como acceder ás ofertas exclusivas dos comercios, poñendo en cadanseus móbiles os produtos e servizos que poden ser do seu interese ao tempo que fai un achegamento aos negocios e restaurantes que lles son máis acaídos.
Na presentación do servizo tecnolóxico (desenvolvido por Abanca en colaboración con entidades como Compostela Monumental) participaron Enrique Marticorena e Marta Pou, responsábeis do programa. Na sesión explicaron as excelencias do mesmo ante o público asistente e tentaron resolver as dúbidas dos empresarios e comerciantes.
José Manuel Bello Rey, presidente de Compostela Monumental e da Confederación Española de Centros Históricos (COCAHI), agradeceu a Abanca “por poñer a disposición do comercio tradicional unha ferramenta como Alavuelta, que nos pode axudar a vender, manter clientes e xestionar mellor os nosos negocios”. Bello Rey lembrou que todo empresariado e comercio de Santiago interesado en darse de alta no servizo pode facelo de forma gratuíta durante nove meses chamando a Compostela Monumental, 981 575 919.
Máis datos sobre Alavuelta
Alavuelta nútrese do que que se vén chamando Big Data aplicado ao comercio. A idea da entidade financeira é axudar aos pequenos e medianos empresarios a “tomar as mellores decisións sobre como xerar oportunidades de negocio”. A través dela, os comercios accederán a información estatística sobre os seus clientes, as súas vendas e o seu negocio. Entre outras cousas, poderán coñecer a evolución das vendas con respecto ás da competencia ou saber o posto de facturación do comercio con respecto ao sector. Ademais, o dono do negocio disporá de información agrupada do sexo e a idade dos grupos de clientes que compran no comercio e poderá coñecer cando compran máis os clientes.
ABANCA tamén salienta outro tipo de coñecemento a disposición dos empresarios: a súa contorna de influencia. Ou sexa, en que códigos postais residen os clientes que mercan no seu establecemento, o que lles valería para achar as localizacións óptima para captar novos compradores e mantelos no tempo.

PUBLICIDADE