TCL Communication aproveitou a celebración do CES de Las Vegas para presentar a nova xeración de smartphones de Alcatel para o ano 2013, entre os que destaca o delgado Alcatel ONE TOUCH Idol Ultra, que presume de ser o smartphone máis delgado do mundo por ter un grosor de só 6,45 milímetros (superando a marca anterior fixada polo Vivo X1 con 6,55 milímetros de grosor). Este elegante móbil ten unha grande pantalla AMOLED de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, cámara de 8 Mpíxeles (con gravación de vídeo a 1.080p) e sistema operativo Android 4.1.
Na mesma liña tamén chegará o Alcatel ONE TOUCH Idol, que desta volta en vez de apostar polo grosor optaría pola lixeireza (só pesa 110 gramos), mantendo unha pantalla de 4,7 polgadas (que neste caso é IPS), procesador de dobre núcleo e cámaras de 8 e 2 Mpíxeles. Tamén funciona con Android 4,1 e terá un acabado metálico para dotalo de maior elegancia.
Para completar a familia tamén teremos o Alcatel ONE TOUCH Scribe HD, que podería verse como a entrada da compañía nos tabletófonos, cunha pantalla HD de 5 polgadas, procesador MediaTeck MT6589 de catro núcleos, LTE, cámara traseira de 8 Mpíxeles e frontal a 720p e Android 4.1.
Móbiles asumibles baixo a marca ONE TOUCH Pop


