Alejandro Pazos Sierra, elixido por unanimidade colexiado de honra do CPEIG
mércores, 25 de maio do 2016
O Colexio
Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, acordou
por unanimidade (na súa asemblea xeral do pasado 21 de maio)
recoñecer a Alejandro Pazos como Colexiado de Honra. A
distinción será entregada no marco
da oitava edición dos premios anuais do CPEIG que se entregarán
o vindeiro 3 de xuño no Hotel-Monumento San Francisco, en Santiago
de Compostela. O premio virá dado pola
súa contribución ao impulso das TI na nosa terra, polo seu
compromiso coa profesión e pola súa dilatada carreira
profesional como investigador, docente e xestor.
Como lembraremos, Pazos Sierra naceu en Padrón (A
Coruña) en 1959. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de
Compostela e en 1989 realizou un Máster en Enxeñaría do
Coñecemento na Universidade Politécnica de Madrid. Obtivo unha
bolsa predoutoral de IBM coa que se doutorou en Enxeñaría
Informática por esa mesma universidade en 1990.
Foi contratado posdoutoral no Georgia Tech, en
Atlanta entre 1990-1991, e posteriormente, en 1996, obtivo o seu
segundo doutoramento, esta vez en Medicina, pola Universidade
Complutense de Madrid.
No que se refire á súa experiencia docente, a
comezos da década dos 90 volveu a Galicia coa creación da Facultade
de Informática da UDC para participar neste importante proxecto,
converténdose no primeiro doutor en Informática da universidade
coruñesa, onde obtivo a praza de profesor titular interino no
Departamento de Computación. En 1992, gañou a praza de profesor
titular de Universidade e, en 1999, a praza de catedrático da Área
de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC, posto
que ocupa ata a actualidade.
Desde que regresou a España, Alejandro Pazos
participou en postos de xestión, tanto na Universidade coma no
Goberno autonómico, sendo director dos Servizos Informáticos de
Apoio á Investigación da UDC en 1993; vicerreitor de Profesorado
(1998-2001), vicerreitor de Planificación Académica (2001-2002) e
vicerreitor de Investigación (2002-2003) na UDC.
Ademais, dirixiu o Departamento de Tecnoloxías da
Información e as Comunicacións da Facultade de Informática da
Universidade da Coruña entre 2004 a 2008. Foi tamén vicepresidente
e presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) entre
1994 e 1997 e, igualmente, secretario xeral e subdirector xeral do
Plan Galego de I+D na Xunta de Galicia, representante da Xunta no
Consello Xeral de Ciencia e Tecnoloxía e vogal da Comisión de
Selección de Política Científica da Xunta de Galicia, entre 1997 e
1998. Foi tamén asesor do Ministerio de Defensa para a
realización de estudos de Prospectiva Tecnolóxica e dos programas
Europeos TMR, TIC e MOBILITY.
Desde hai 15 anos, é o responsábel do curso de
formación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións que se
imparte a xefes e oficiais da Armada na Escola de Especialidades
Antonio Escano de Ferrol. Nos últimos dous anos, tamén na Escola de
Especialidades Antonio Escano de Ferrol, estivo á fronte do curso
avanzado en Ciberdefensa.
Nos seus máis de 25 anos de exercicio profesional
na Universidade da Coruña, pasaron polas súas aulas máis de 2.500
estudantes de Enxeñaría Informática e máis de 500 alumnos de
máster e doutoramento. Dirixiu durante este tempo máis de 200
proxectos fin de grao ou máster e 25 teses doutorais en Enxeñaría
Informática, sete delas actualmente en execución.
Con respecto ao seu traballo referido a I+D+i,
fundou en 1987 o Grupo de Informática Biomédica (GIB), pioneiro en
España na área, na Facultade de Informática da Universidade
Politécnica de Madrid, e en 1990 o GIB, pioneiro na área en
Galicia, na Facultade de Informática da UDC. Creou tamén o
Laboratorio Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos
(RNASA) e posteriormente o Centro Informática Médica e Diagnóstico
Radiolóxico (IMEDIR) da UDC. Polos laboratorios que el dirixe
pasaron durante estes anos máis de 150 investigadores en formación
e contratados con cargo a proxectos de I+D+i.
É autor de máis de 50 artigos publicados en
revistas internacionais de prestixio, de máis de 100 publicacións
entre libros e revistas, e máis de 75 publicacións en congresos
científicos, tanto nacionais como internacionais. Conseguiu ser
citado en máis de 2.300 ocasións por outros autores, sendo o
segundo autor máis citado nas etiquetas informática_médica e
healthcare_information_systems.
Alejandro Pazos é membro de diversas sociedades
científicas, IEEE (Institute of Electrical and Electronic
Engineers), ACM (Association for Computer Machinery), INNS
(International Neural Network Society), IAKE (International
Association of Knowledge Engineers) etc., así como socio fundador da
Internet Society (ISOC) en España.
No ano 2014 foi condecorado coa medalla ao Mérito
Naval con distintivo branco polo seu labor formativo en TIC e
Ciberdefensa, e en 2015 foi elixido polo consello editorial do grupo
El Correo Galego coma un dos Galegos do ano. Tamén en 2015
foi galardoado co Premio Nacional de Informática da Saúde pola
Sociedade Española de Informática da Saúde).