Alén Space participa na misión da ESA dirixida a reforzar a ciberseguridade dos sistemas espaciais
mércores, 8 de xullo do 2026
A misión CyberCUBE da Axencia Espacial Europea (ESA), concibida para reforzar a protección dos activos espaciais fronte ao crecente número de ciberameazas, foi lanzada con éxito este martes 7 de xullo desde a Base da Forza Espacial de Vandenberg (California), a bordo dun foguete Falcon 9. A misión está liderada pola multinacional tecnolóxica GMV a través dos seus equipos de Romanía e España, e conta tamén coa participación da firma viguesa Alén Space, integrada en GMV desde 2023.
Segundo explica a empresa galega, a posta en órbita do satélite “marca o inicio dunha misión pioneira destinada a validar, en condicións reais de operación, tecnoloxías e capacidades avanzadas de ciberseguridade aplicadas á contorna espacial”.
CyberCUBE forma parte das actividades Cyber Evolutions do Centro de Operacións de Ciberseguridade (CSOC) da ESA, dentro do programa Cyber Security Resilience, unha iniciativa transversal impulsada pola Oficina de Seguridade da Axencia para reforzar a protección tanto dos seus sistemas corporativos como das súas misións espaciais.
CyberCUBE foi concibida como unha plataforma experimental en órbita que proporcionará á ESA unha contorna segura e flexible para demostrar novas tecnoloxías de salvagarda de información e comunicacións antes da súa incorporación a futuras misións europeas. O seu principal obxectivo é “validar as capacidades do CSOC para monitorar e analizar datos procedentes de activos espaciais reais”, salienta Alén Space, engadindo que “tamén permitirá poñer a proba novas capacidades de ciberseguridade embarcadas e recompilar información clave para mellorar a resiliencia dos sistemas espaciais fronte a ameazas emerxentes”.
Entre os experimentos previstos destacan a detección e protección fronte a accesos non autorizados aos sistemas de mando e control, a identificación e mitigación de ataques de jamming e spoofing, a monitoraxe dos sistemas a bordo e a validación de novos algoritmos e tecnoloxías de ciberseguridade, como a criptografía poscuántica (PQC). A plataforma tamén permitirá realizar exercicios prácticos e experimentos avanzados inspirados en escenarios reais de ciberdefensa. Con este obxectivo, a ESA lanzou unha convocatoria aberta para a presentación de propostas experimentais, convidando a investigadores, enxeñeiros e innovadores a probar novas tecnoloxías, métodos, algoritmos, protocolos e técnicas de ciberseguridade aplicadas a sistemas espaciais utilizando CyberCUBE.
GMV é responsable de todo o ciclo de vida da misión, desde as fases iniciais de deseño e desenvolvemento ata o lanzamento, as primeiras operacións en órbita, a fase de posta en servizo (commissioning) e a transferencia do control operativo á ESA.
O segmento de voo baséase nun CubeSat 3U desenvolvido por Alén Space, equipado con avanzadas capacidades de procesamento reprogramables e unha carga útil deseñada especificamente para a monitoraxe da ciberseguridade. A plataforma aproveita a experiencia de Alén Space en misións de pequenos satélites e proporciona a contorna en órbita necesaria para ensaiar tecnoloxías de salvagarda das comunicacións en condicións operativas reais. Durante a súa permanencia en órbita, o satélite recompilará datos esenciais sobre vulnerabilidades, ameazas e mecanismos de protección con aplicación en futuros sistemas espaciais.
Ademais do segmento espacial, o equipo de GMV en España desenvolveu compoñentes clave do segmento terreo, entre eles o centro de control da misión de Alén Space, baseado na solución comercial FocusSuite de GMV, así como un flatsat representativo desenvolvido xunto ao equipo de Romanía, que permitirá simular e validar distintos escenarios operativos.
Pola súa banda, o Centro de Operacións de Ciberseguridade (CSOC) da ESA actuará como principal segmento usuario, xestionando as solicitudes de misión e procesando a información obtida para a súa análise desde o punto de vista da protección tecnolóxica.
As operacións do satélite xestionaranse desde o Centro Europeo de Seguridade e Educación Espacial (ESEC) da ESA, situado en Redu (Bélxica), mentres que a infraestrutura FOX do Centro Europeo de Operacións Espaciais (ESOC) proporcionará as capacidades de comunicación en banda S e banda X necesarias para a descarga de datos a alta velocidade e a mostraxe de radiofrecuencia.
Unha vez completadas con éxito as fases de lanzamento e operacións iniciais en órbita (LEOP), así como a posta en servizo do satélite, o equipo de GMV en Romanía transferirá o control operativo de CyberCUBE á ESA para o inicio das operacións nominais.
“O aumento das ameazas dirixidas contra infraestruturas críticas e sistemas espaciais converteu a ciberseguridade nunha prioridade estratéxica para o futuro do sector”, salientan dende Alén Space, engadindo que “CyberCUBE proporcionará á ESA unha plataforma única para probar, validar e madurar tecnoloxías nunha contorna operativa real, reducindo riscos e acelerando a súa adopción”.
Guillermo Lamelas, conselleiro delegado de Alén Space, salienta que “CyberCUBE é un claro exemplo de como os pequenos satélites poden contribuír a validar tecnoloxías críticas en condicións operativas reais. Estamos satisfeitos de achegar a plataforma CubeSat 3U para unha misión que axudará a reforzar a ciberseguridade dos futuros sistemas espaciais europeos”.
Alén Space está especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites para todo tipo de aplicacións. A empresa con sede en Nigrán (España) proporciona servizos para a realización de misións completas no espazo e tecnoloxía de vangarda para a fabricación de pequenos satélites.
