Alén Space pon en órbita o satélite SATMAR para a dixitalización das comunicacións marítimas

martes, 24 de xuño do 2025 S. P.

SATMAR, satélite desenvolvido pola empresa galega Alén Space, despegou este luns 23 de xuño ás 23.25 horas (CEST) e desde a Base da Forza Espacial de Vandenberg (California, Estados Unidos), a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX.
Pouco despois do lanzamento, ás 01.39 horas (CEST), Alén Space estableceu o primeiro contacto co satélite xa en órbita. “A partir de agora, comeza a fase de validación do funcionamento dos diferentes subsistemas e cargas útiles”, sinalou a firma viguesa, engadindo que o obxectivo principal de SATMAR é “abrir unha nova era para o sector marítimo coa demostración en órbita da viabilidade do estándar de comunicacións VDES, chamado a substituír no futuro ao actual sistema AIS (Automatic Identification System)”.
Alén Space engade que “esta nova tecnoloxía permite comunicacións bidireccionais vía satélite na banda VHF, mesmo en zonas afastadas da costa”.
As novas funcionalidades que ofrece o estándar VDES “tamén supoñen unha importante mellora da eficiencia, seguridade e sustentabilidade do tráfico marítimo, e novas posibilidades de servizos dixitais en contornas portuarias”, explican dende a firma galega.
Desenvolvido integramente por Alén Space, o satélite SATMAR forma parte dun proxecto no que participa como socio a empresa ourensá EGATEL e que conta coa colaboración do centro tecnolóxico Gradiant, tamén con sede en Vigo. A iniciativa foi financiada polo fondo Ports 4.0, un programa de apoio á innovación no sector marítimo impulsada por Portos do Estado e polas Autoridades Portuarias Españolas.
O nanosatélite de tipo 6U operará sobre España e as súas augas circundantes, con casos de uso desenvolvidos en colaboración coa Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras e con outras empresas do sector, como Oritia & Boreas
O lanzamento reuniu o equipo de Alén Space nas instalacións da empresa en Nigrán (España) para vivir de primeira man a posta en órbita de SATMAR. Profesionais de todas as áreas de traballo da compañía seguiron en directo a engalaxe do satélite. “É un fito moi importante para nós”, explicou Guillermo Lamelas, director executivo (CEO) de Alén Space, “porque abre as portas a interesantes oportunidades de desenvolvemento de tecnoloxía e de negocio. Grazas a este novo estándar, os barcos poderán manter comunicacións constantes con terra firme mesmo en altamar, recibirán avisos de emerxencia en tempo real e poderán optimizar os seus roteiros para reducir o uso de combustible e os niveis de contaminación, entre outras posibilidades. É unha tecnoloxía que vai ter un impacto moi relevante no día a día das empresas do sector marítimo”.
Ademais da súa misión principal, SATMAR incorpora unha carga útil secundaria que o converte nun laboratorio en órbita de radio definida por software (SDR). Entre as súas funcións destacan a monitoraxe do espectro radioeléctrico en bandas VHF, L e S, e a proba de novas tecnoloxías de comunicacións de alta velocidade en banda S.
No mesmo lanzamento viaxou o satélite IOD-2 de Startical, cuxo obxectivo é validar desde o espazo as comunicacións VHF de voz e datos en tempo real entre pilotos e controladores aéreos.
Esta misión, liderada por Startical, incorpora tecnoloxía de radio definida por software (SDR) desenvolvida por Alén Space, a través do seu produto TREVO, aplicado ás cargas útiles de VHF, ADS-B e feeder link.
O equipo de Alén Space encargouse de desenvolver a aplicación específica para carga útil de ADS-B e VHF, que se integra co segmento terreo para a prestación do servizo. Pola súa banda, a carga útil do satélite demostrador foi deseñada por Indra, co apoio de ENAIRE.