Alén Space recibirá un recoñecemento pola súa aposta pola innovación e a investigación

xoves, 10 de outubro do 2024 Redacción

A oitava edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off elixiu gañadores: as empresas Alén Space e Neutron Insights nas categorías de Selo de Calidade e Idea Emerxente, e na categoría de grupo de investigación o recoñecemento recae en BioFarma (USC). Os galardóns serán entregados o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago.
Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para a empresa Alén Space, unha spin-off da UVigo xurdida no seo do Agrupación Aéreo-espacial desa universidade. O xurado valorou especialmente a traxectoria de máis de 15 anos de Alén Space no campo da enxeñería aéreo-espacial, que a levou a contar cun importante mercado internacional no terreo do deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e tamén o feito de que a empresa soubo facerse un oco nun mercado altamente competitivo, marcado pola innovación e a investigación constante.
A alta calidade das candidaturas presentadas a estes premios foi o denominador común nas tres categorías duns galardóns que distinguen anualmente as empresas e grupos máis innovadores do panorama galego.